Friday 03 de May de 2024

Obradoiro de cociña sostíbel co chef Alejandro Iglesias


A actividade forma parte do proxecto “People & Planet: un destino común”

A área de medio ambiente do Concello de Cabanas, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, organizou esta mañá o obradoiro de cociña sostíbel “o cambio climático no prato”, da man do cociñeiro e chef Alejandro Iglesias. Na actividade participou alumando cabanés de 2º da ESO do IES Breamo.

O Concello de Cabanas seleccionou para o desenvolvemento deste taller de cociña produtos locais e da comarca do Eume, entre os que se encontran peixe do río e da ría, ameixa, queixo e requeixo, mel, arandos, marmelada e grelos. Con estes elementos, o chef elaborou un menú que incluíu un salpicón de peixe e fabas con ovo encurtido, ñoquis de grelo en salsa carbonara e musse de requeixo con toffe de mel e confitura de arandos.

A actividade forma parte dos “Sustainable Events”, que promoven a creatividade e a innovación a través de formatos novidosos. É por iso que ademais das artes culinarias, o obradoiro tivo en conta os principais aspectos dunha cociña sustentábel, que inclúen unha alimentación saudábel e equilibrada; o uso de produtos de proximidade, de tempada, ecolóxicos e de comercio xusto; o aforro enerxético e de uso e reutilización de auga; o aproveitamento dos desperdicios alimentarios; a redución e reciclaxe dos envases e residuos ou a posta en valor dos sabores tradicionais e de outras culturas.

Con esta actividade quíxose concienciar sobre como repercute o noso consumo diario sobre fenómenos globais, como o cambio climático ou a escaseza de auga, dúas cuestións centrais do proxecto europeo People & Planet.

O obradoiro está aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel da Axenda 2023, en concreto co ODS 13, sobre o que pivota o proxecto People & Planet e que chama a adoptar medidas urxentes fronte á emerxencia climática e os seus efectos, e o ODS 12, que avoga por garantir modalidades de consumo e produción sustentábeis.